EXPOSICIÓN DE PÉREZ MEILÁN, POR ANTÓN LUACES
La Opinión, 20 de agosto de 2006
Unha vintena de obras expostas no Espazo María Martínez, na localidade oleirense de Santa Cruz, dan testemuño da evolución seguida pola pintora coruñesa Ángela Pérez Meilán cara a un inconcreto e definitivo acougo que, moio posiblemente, nen siquera percura.
O de Pérez Meilán é un camiño de busca nunha realidade presentida, sen "ismos" e ao través de distinta técnica para deixar constancia de que as dimensións, máis que físicas, son expresións dun por que na pintura: imaxinación, realidade, presentementos... Con todo isto combina Ángela Pérez Meilán para deixar no espectador a impresión de que o que ve, existe.
Pode haber un transfondo de realidade vivida, de imaxe real, desde dèjá vu que da título á exposición, mais o xeito en que Pérez Meilán o presenta invita á viaxe ao mundo dos soños que pode ir desde o territorio entrevisto de dunas e soles con bruído de vento a noites de lúa e silenzo, pasando polo inquedo dunha ollada que reclama e que semella apoiarse nun telón de fondo de casas que xogan o papel de comparsas para dar sensación de profundidade coa complicidade do mar.
Ás veces, ás árbores non deixan ver o bosque; mais Ángela Pérez Meilán traza o primeiro plano dunha matogueira para delimitar o que é e o que pode ser cunha linguaxe sinxela na que a cor é a fronteira da realidade e convida á reflexión, á interpretación concreta que emana do abstracto.
A exposición de Pérez Meilán permanecerá aberta ao público no Espazo María Martínez -un local que contribúe a esa sensación do entrevisto-, en Santa Cruz, ata o 30 de agosto. Merece unha visita sen presas e mesmo contemplar cada obra co recreo do tempo válido, non perdido.
No hay comentarios:
Publicar un comentario