lunes, 15 de agosto de 2011

Galería Arte Imagen-Hotel Tryp María Pita

TEXTO DE CESÁREO SÁNCHEZ, POETA Y PRESIDENTE DE LA ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA, EN EL ACTO DE INAUGURACIÓN DE LA EXPOSICIÓN EN LA GALERÍA ARTE IMAGEN-HOTEL TRYP MARÍA PITA


Sáhara, Tíbet, Papúa, África subsahariana. Estes son os territorios humans que percorre Ánxela Pérez Meilán coa súa pintura. Terras, países habitados por seres de culturas riquísimas, seres humans que compartiron coa natureza os seus ciclos, e o día e a noite, a súa dureza e a súa beleza, dialogando, sendo con ela seres dun mesmo cosmos.
Este é o mérito da nosa pintora. A través da súa pintura, das súas cores, comunicanos, dialoga con outros seres humans, tan próximos e tan alonxados polos parámetros excluíntes da cultura occidental. So así, con esa ollada limpa de quen se acerca solidariamente, poden ser expresadas as olladas sen tempo dos nenos, na que habitan todos os mundos visiveis e invisiveis, froito dos soños, a ollada dos nenos nas que habita o futuro dos seus povos, da súa cultura milenaria, con raíces tan profundas como as dos seus matorrais que buscan a humidade baixo o grande deserto mineral.
Acercamos á música do tambor o tbal e da tidinit, a guitarra, marcaron o paso calmo e ensimismado do tempo e a súa luz, os diálogos entre os intrumentos acompañan os diálogos entre as persoas, que coas súas palmas marcaron desde sempre o ritmo das cancións coas que os povos acompañan os días de ledicia e os días de tristeza tantas veces polo exilio no propio país.
Distintas son as temáticas que recolle nas súas obras Ánxela Pérez para se incorporar a súa cultura, para comprender desde dentro da cultura que aparece nos seus lenzos e nas súas acuarelas. Podemos ollar nos seus lenzos os tuaregs, os homes azuis que tinguen a súa pel cos tintes das roupas, tintes de follas e raízes, que traen as cores da natureza que se depositan nas mans e nos rostros.Podemos ollar ao menciñeiro que cura as dores do corpo e sobre todo as dores incurabeis da alma, por quen se sabe que lle é negada a historia, a vida, transmitida de xeración en xeración desde que foron feitas as primeiras pinturas prehistóricas nos rochedos saharianos. Podemos ollar a caravana polo deserto, traendo e levando especias, e alimentos, e soños e cores de nube e cores de eternidade.
Campos de refuxiados, campamentos nunha natureza amiga e ás veces cruel, buscando nela o seu refuxio mentres non acaban os tempos de exilio, os tempos de inxustiza.
Os nómadas son como os homes do mar, que navegan un outro mar, pois o deserto é un lugar de vida, é un outro mar de area que o vento constrúe e desfai coas súas ondas e as súas marés de vento.
Haimas de pastores de ovellas, fráxiles, que só a sabiduría dunha cultura podeas converter na única maneira de habitar un medio hostil cando se percorren grandes distancias con rebaños de cabras e de ovellas.
Mulleres sacando auga dun pozo, como quen saca das cores do día unha tarde violeta cos seus aromas e o seu frescor de primavera.
Quixera que ollaran as pinturas de Ánxela demoradamente coa lentitude que o reló de pedra mide o tempo e as horas solares.
E quixera tamén con este breve texto dar a benvida a esta exposición que a pintora Ánxela Pérez Meilán nos oferece, e ao mesmo tempo que quixera que esta exposición, este acto inaugural, servan para nos aproximar á vida e cultura de povos, como o povo saharaui, que reivindica un lugar na historia, un lugar entre as nacións livres.

No hay comentarios: