domingo, 9 de diciembre de 2012

VIAXE E TRANSFIGURACIÓN. Intervención de Xavier Seoane no acto de inauguración da exposición Sueños & Mutantes de Ánxela Pérez Meilán na Galería Monty4 Arte Contemporáneo


Quizais non deba sorprender que Ánxela Pérez Meilán dedique unha parte importante da obra á recreación das vivencias que lle suscitan as viaxes por diversos países e culturas. Porque o seu conxunto (pintura, acuarela, colaxe, ilustración…) semella una viaxe metafórica por unha interioridade na que a memoria e o vivido, o sentido e o pensado se dan a man cos faceres do soño e as alquimias da imaxinación. A realidade é aquí, en certo modo, o mero punto de partida. O substrato que nutre os sentidos, achega as emocións e enche mente e pel, corazón e retina.
            
Mais, a partir dese sustento vivencial básico, o traballo de inmersión no subconsciente e a emerxencia do pulsional, do instintivo e do intuitivo xeran un xogo creador que acaba por plasmar uns mundos nos que non é doado deslindar (de tal modo se entrelazan de raíz) a mímese e a visión, o onírico e o máxico, o sentido construtivo e o alento poético ou, mesmo, visionario.
            
Por outra parte, a aparición de signos e de símbolos entra en xogo cunha sensibilidade que non quere perder de todo a inocencia das orixes, por moito que, na súa incursión na problemática do vivir, a persoa adulta se vexa sempre arrebolada máis aló do limiar do edénico ou paradisíaco.
            
Xorde, entón, unha obra de densa proliferación, non distante, nalgún dos seus rexistros, dun relativo horror vacui. Despregando unha grande riqueza de matices e un amplo repertorio colorista e gráfico, no que o caos e a orde tensan a superficie e retan o ollo cun espírito dinámico derivado do seu acusado vitalismo.
            
Nesta viaxe por esas xeometrías incesantes e eses mundos metamórficos e en ocasións ensarillados, a pintora bota man dos seus coñecementos dos pioneiros da tradición abstracta, de variados rexistros do expresionismo ou dun certo fauvismo, aínda que manténdose sempre nun ámbito figurativo que, por veces, amaga con lindar ou asomarse ao outro lado, sexa este abstracto, onírico ou irracional. Por outra parte, a base xermolante do debuxo e o repertorio colorista (sen esquecer os chorreos ocasionais, a notable presenza de colaxes variadas ou o interese pola expresividade das texturas) acaban por perfilar unha obra dun ritmo vivo, dunha música visualmente construtiva.
            
Esta cristalización en termos plásticos do seu mundo interior constitúe tanto unha catarse como unha viaxe e unha proxección. Trátase dun expresarse “de dentro a fóra”, como lle gustaba a Reimundo Patiño; dun liberarse tirando da chistera da interioridade un repertorio nunca saberemos en qué termos real e en qué termos imaxinario, de bosques e ciudades, de cosmos e de mar, de aves, plantas e faunas…
            
É con este goce de crear, de soltarse, de proxectarse, como a artista nos dá unha visión, en xeral, afirmativa do mundo, con lampexos de inmersión misteriosa, poesía recóndita e espontánea factura.

No hay comentarios: